de Harlem a Vigo
Historia e cultura do swing
A familia de bailes swing baséase nunha cultura e nunha maneira de vivir a música que remonta as súas raíces á cultura folclórica africana, trasladada a Estados Unidos a través do tráfico de escravos que tivo lugar especialmente nos séculos XVIII e XIX.
Os bailes e a música negra, hoxe coñecidos como blues e jazz, xurdiron no contorno de Nova Orleáns a principios do século XX, nun contexto de discriminación racial que aínda hoxe loitamos por eliminar.
A procura de mellores condicións de vida levou a poboación negra a emigrar ao norte de Estados Unidos, cara ás grandes cidades. Aínda que os afroamericanos levaron consigo a súa arte a todas as cidades estadounidenses (Kansas City, Chicago…), o punto máis efervescente foi o barrio de Harlem, en Nova York. Alí proliferaron os salóns de baile nos anos 20 e 30, e a xente acudía a bailar e a gozar da música. Destes salóns, o máis famoso foi o Savoy Ballroom.
No Savoy había música en directo todas as noites, facíanse batallas de bandas e os mellores bailaríns inventaban novos pasos para destacar e impresionar o público. Alí destacou un grupo de bailaríns coñecido como os Whitey's Lindy Hoppers, dos que quedan testemuños audiovisuais que seguen a deixarnos coa boca aberta: soundies como Hot Chocolate (Cottontail, 1941) ou Blip Blip (1942), e películas como A Day At The Races (1937), Radio City Revels (1938) e especialmente Hellzapoppin' (1941).
O estilo de baile que xurdiu en Nova York ao ritmo do swing chamouse Lindy Hop. Puxéronlle ese nome na festa de homenaxe ao primeiro voo sobre o Atlántico, en 1927, realizado por Charles Lindbergh, alcumado «Lindy»: aquel voo foi chamado o «salto de Lindy» — the Lindy Hop.
O Lindy Hop popularizouse tanto que traspasou as fronteiras de Nova York e estendeuse por todo o país, con moita axuda do cinema. En California xurdiu o Smooth Lindy, e apareceron máis estilos swing como o Collegiate Shag, o Saint Louis Shag ou o Balboa. Esta forma de arte afroamericana acabou sendo adoptada gradualmente tamén pola poboación branca.
A era dourada do swing foi decaendo coas transformacións sociais e económicas da II Guerra Mundial. O mercado musical cambiou e a moda do jazz deu paso ao rock'n'roll, ao rhythm and blues e ao boogie woogie.
Non obstante, nos anos 80 e 90 rexurdiu o interese polo Lindy Hop e polos bailes da era do swing: comezou a época do revival. Algúns estudosos localizaron os poucos bailaríns do Savoy que aínda vivían e convencéronos para transmitir o seu coñecemento. As figuras máis importantes desta transmisión foron Frankie Manning, Al Minns, Norma Miller e Dawn Hampton, entre outras. Grazas a elas podemos facernos unha idea fidedigna da verdadeira estética e cultura swing.
Este renovado interese produciuse simultaneamente en Suecia, Los Ángeles, Nova York e Londres, e de aí estendeuse por todo o mundo. Hoxe gozamos desta marabillosa cultura afroamericana facéndoa medrar en popularidade e mantendo sempre a fidelidade ás súas raíces.
Para saber máis, recomendámosche estas lecturas:
- La Reina del Swing: las memorias de Norma Miller — Norma Miller e Evette Jensen (Ediciones Carena)
- Historia del Jazz — Ted Gioia (Turner Libros)
- Frankie Manning: The Ambassador of Lindy Hop — Frankie Manning e Cynthia R. Millman (Temple University Press)
- Swing Dancing — Tamara Stevens (Greenwood)